O Concello de Xove pon en marcha o programa “Xove Concilia Nadal” do 22 de decembro ao 5 de xaneiro

O Concello de Xove, a través do Departamento de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, e do seu servizo de conciliación, denominado Xove Concilia, vén de abrir as inscricións, ata o vindeiro 13 de decembro, para o programa Xove Concilia Nadal 2025-2026. Este programa ofrece un servizo de conciliación familiar para a veciñanza con nenos e nenas de 3 a 10 anos, desde o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro, ambos incluídos, desde as 8:45 ás 14:00 h. As familias que o necesiten facer uso do programa Xove Concilia Nadal poderán realizar as inscricións achegándose ata a Oficina Municipal de Información Xuvenil, ou ben a través da Sede Electrónica do Concello de Xove.

“O servizo, levado a cabo por monitoras e monitores profesionais, contará con actividades lúdicas e educativas de calidade, que promoven valores saudables na ocupación do tempo libre durante o período das vacacións escolares de Nadal. A conciliación e a corresponsabilidade nos usos do tempo son eixes principais e transversais nas políticas sociais do municipio, desde onde se trata de avanzar cara unha organización social favorable a que mulleres e homes compaxinen en igualdade a esfera privada e a profesional. Deste xeito desde o Concello de Xove póñense en marcha servizos públicos como o Xove Concilia, que trata de favorecer a conciliación nos períodos anuais de vacacións escolares, prestando apoio á xestión dos tempos familiares e laborais dos proxenitores”, explica o Concello de Xove.