
O Concello de Mondoñedo convocou a sétima edición do Concurso de Decoración de Nadal.
“O Nadal xa se achega e queremos que Mondoñedo volva lucir con toda a maxia e a creatividade da nosa veciñanza”, anuncia o Concello.
Poden participar persoas empadroadas en Mondoñedo, propietarios de inmobles ou establecementos no municipio, tanto de forma individual como colectiva.
As categorías son: vivendas particulares; establecementos e negocios; decoración colectiva en rúas ou prazas do casco urbano; e decoración colectiva nas parroquias ou barrios do rural.
As inscricións están abertas ata o 5 de decembro na Oficina de Turismo ou a través do teléfono 982.50.71.77. Será necesario enviar unha fotografía da decoración para a valoración do xurado.
Os premios por modalidade son: individual, 100 euros; comercios e negocios, 100 euros; colectivo casco urbano, 200 euros; e colectivo parroquias rurais, 200 euros. Ademais poderán outorgarse mencións especiais.
As decoracións deberán permanecer instaladas ata o 6 de xaneiro de 2026.


