
Nove locais hostaleiros de Burela celebran do 5 ao 8 de decembro unhas xornadas gastronómicas do peixe espada nas que se poderán degustar diferentes pratos do “peixe máis representativo da frota de palangre de superficie local, que os pesca peza a peza con anzol en augas internacionais e europeas do Atlántico durante todo o ano”, explica a OPP Porto de Burela, que engade: “a hostalería de Burela segue potenciando así a súa oferta gastronómica”.
Desde a Asociación de Hostalería de Burela agradecen á OPP Porto de Burela “este tipo de sinerxias que está a facer co noso sector; desde as cociñas da AHB tamén queremos fomentar e potenciar o consumo de peixe de verdade e de calidade”.
Esta campaña realízase en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, dentro do seu plan de produción e comercialización anual, cofinanciada por Xunta de Galicia e FEMPA, co obxectivo de “contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa”.
Desde OPP Burela seguen promocionando así o consumo de peixe “como base dunha vida saudable, ademais de poñer en valor as principais especies das súas frotas. O pasado mes de maio, durante a feira Expomar e en colaboración coa interprofesional pesqueira Interfish, xa se celebrou un espectacular ronqueo de peixe espada para dar a coñecer esta pesquería, que, xunto á quenlla, son as dúas especies de maior importancia en volume de capturas e facturación despois da pescada do pincho. O peixe espada é un peixe azul cunha carne moi saborosa e dunha textura ideal, cun sabor suave e sen espiñas, polo que é idóneo para que o consuman todo tipo de persoas”.
Do venres 5 ao luns 8 de decembro poderán degustarse os seguintes pratos de peixe espada en Burela: A Lonxa, Albóndegas de peixe espada en salsa de tomate con albáfega fresca e patacas palla; A'Mares, Mini hamburguesa de peixe espada con pulpa de aguacate e cebola morada; Contraste, Crepe de peixe espada con crema de marisco; La cocina de la yaya, Ceviche de peixe espada con crocante de verduriñas e leite de tigre; L'Urbana, Peixe espada crocante con alioli de lima; Rompeolas, Cachopo de peixe espada; Salitre, Raxo de peixe espada; Sargo, Salpicón de peixe espada; Venetus, Peixe espada en salsa mariñeira.


