
O Concello de Viveiro porá en marcha este Nadal o programa Divernadal’25, unha proposta de actividades de lecer dirixida a nenos e nenas de Educación Primaria. O programa desenvolverase os días 22, 23, 24 e 26 de decembro no pavillón Antonio Tarrío, en horario de 10.30 a 13.30 horas.
“O Divernadal’25 ten como finalidade ofrecer un espazo de xogo e convivencia durante as vacacións de Nadal, con actividades adaptadas ás idades do alumnado de Primaria”, anuncia o Concello de Viveiro, que engade: “as persoas interesadas poden inscribirse nos formularios que poden descargarse na web municipal ou recollerse na Conserxería ou na OMIX. O total de prazas ofertadas é 60. O prazo de inscrición remata o venres 12”.


