Burela terá este Nadal unha oferta cultural, lúdica e festiva para todos os públicos

O Concello de Burela anuncia que a chegada das datas de Nadal trae consigo un calendario cheo de propostas que combina cultura e celebracións abertas á veciñanza en Burela.

O primeiro encontro terá lugar este sábado, 13 de decembro, na praia da Marosa, onde o Burela Surf Club convoca unha actividade aberta a partir das 16:30 horas. Haberá unha pequena sesión de surf con gorro de Papá Noel acompañada de chocolate quente, unha proposta gratuíta á que pode sumarse calquera persoa, aínda que non practique surf.

O mércores 17 ás 20:00 horas o Auditorio Municipal acollerá o Concerto de Nadal da Escola de Música de Burela e o 19 de decembro ás 21:00 horas o Grupo de Teatro A Adala porá en escena o espectáculo para adultos Marina Club. O día 20 celebraranse o Concerto de Panxoliñas da Coral Polifónica de Burela e o Pasarrúas de Nadal polas rúas comerciais, organizado por ACIA Burela, a cargo da Asociación Cultural Musical Dambara. Ese mesmo sábado funcionará O Tren dos Elfos entre as 12:00 e as 21:00 horas, e Papá Noel estará recibindo á cativada no quiosco da Praza da Mariña, dúas actividades enmarcadas na colaboración entre ACIA Burela e o Concello.

O día 21 será a quenda do Festival de Nadal do CEIP Os Castros, protagonizado polo alumnado de 6º curso. O 22 chegarán as Alfombras de baile interactivo, para todas as idades, e o 23 ás 18:00 Trécola Producciones ofrecerá o teatro infantil The Piccole Theatre.

O 26 de decembro ás 20:00 horas representarase Romeo e Xulieta de Prokófiev, unha proposta de danza clásica dirixida por Aleksey Bogutsky. Ese mesmo día e tamén o 27 e 28 poderá gozarse do Deslizador Tubby, unha atracción para todos os públicos.

O 29 de decembro, en horario de mañá, Xogando nas Nubes instalará unha ludoteca de xogos xigantes. O 30 ás 18:00 horas Tarabela Creativa traerá o teatro infantil A Tarabela Ambulante: IDEA e, o 31 de decembro, tamén pola mañá, volve Xogando nas Nubes cun taller creativo de Nadal.

O Concello de Burela tamén anuncia que “a noite do 31 converterase nun dos momentos máis agardados destas datas. A Praza da Mariña acollerá a Festa de Fin de Ano, unha celebración que se prolongará dende as 00:30 ata as 05:30 coa música de Conxuro Discomóbil, que ofrecerá unha selección de clásicos e éxitos actuais para recibir o 2026 con festa e alegría”.

Xa en xaneiro, os días 2, 3 e 4 estará dispoñible un chan interactivo, unha experiencia sensorial para todas as idades. O día 3 sumarase ademais un espectáculo de maxia organizado pola Asociación Saúde Mental A Mariña.

O 5 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis e a programación rematará ese mesmo día coa Rosconada de Premios con chocolatada, que incluirá roscón, opcións sen glute e sen lactosa e diversos agasallos sorpresa. Nese momento celebrarase o Sorteo do Gran Premio de Nadal promovido por ACIA Burela na Praza da Mariña, cun premio de 3.000 euros para a persoa que resulte gañadora e se atope presente no momento do sorteo

“As diferentes propostas que enchen o calendario destas semanas reflicten a diversidade de iniciativas culturais, sociais e comerciais que converten Burela nun punto de encontro activo e dinámico para despedir o ano e darlle a benvida ao novo”, remata o Concello.