Acisa Ribadeo entrega de forma gratuíta máis de 15.000 novas bolsas ao comercio asociado para a campaña de Nadal

Acisa presenta as súas novas bolsas. Trátase dun paquete de máis de 15.000 unidades, que están dispoñibles gratuitamente para o comercio asociado para esta campaña de Nadal.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “como adoitamos a facer polo Nadal este ano tamén entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas. Primeiro fixémolo cos envases de hostalería, hai uns meses, despois para o comercio co papel e as etiquetas de regalo e agora cunha nova remesa de 15.000 bolsas de comercio para repartir gratuitamente entre os establecementos asociados”.

E engadiu: “deste xeito respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociados, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que sen dubida é unha das súas maiores demandas, sobre todo na campaña de Nadal”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “estas novas bolsas teñen un deseño renovado. Utilizamos a imaxe corporativa de Acisa deste ano 2025, na que se poden ver diferentes edificios de Ribadeo baixo o slogan Ribadeo Emprende, Ribadeo comercio vivo. Con estes dous slogans pretendemos poñer en valor dúas realidades da nosa vila, por un lado, que Ribadeo é un pobo emprendedor, onde día a día se poñen en marcha novos proxectos empresariais que dan traballo e vida a este concello, e a segunda realidade, que Ribadeo ten un comercio vivo, que a diario atende a veciñanza e visitantes co obxectivo de satisfacer as súas demandas e necesidades. O tamaño das bolsas é o habitual, de tipo mediano que serve para unha gran maioría dos negocios, son de papel reciclado e biodegradables”.

E subliñou que “aqueles asociados e asociadas que solicitaron con antelación estes materiais así coma o papel e as etiquetas de regalo, poden comezar a recollelos nas oficinas de Acisa, na rúa San Roque, 57-baixo,  de 9:30 a 14:30 horas”.

Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa,  que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica e neste caso concreto grazas á Xunta de Galicia e ao Concello de Ribadeo que co financian estes materiais”. 

Na presentación das novas bolsas de Acisa participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, a tesoureira da asociación, Manoli Torviso, e o xerente, Jesús Pérez.