A Aula da UNED en Foz organiza un roteiro interpretativo de aves invernantes para o 14 de xaneiro

A Aula Universitaria da UNED de Foz celebrará o vindeiro 14 de xaneiro, mércores, ás 16:00 horas, o Roteiro Interpretativo Aves Invernantes, unha actividade aberta ao público e de carácter gratuíto. A iniciativa estará guiada por Pedro Rolle, especialista en biodiversidade, quen acompañará ás persoas participantes nun percorrido divulgativo polo entorno natural da vila. O punto de encontro situarase na entrada de Foz, desde onde a comitiva se dirixirá aos arredores de Vilaxoane. “O roteiro presenta unha dificultade baixa, un trazado aproximado de 3 quilómetros e unha duración estimada de dúas horas”, anuncia a Aula Universitaria da UNED de Foz, que engade: “esta acción formativa ten como finalidade principal a observación e identificación das distintas especies de aves invernantes que, procedentes do norte de Europa, permanecen na comarca durante os meses de inverno. Ademais búscase fomentar a sensibilización e o coñecemento da biodiversidade local entre a cidadanía”.

A coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muiña, subliña que “esta iniciativa representa unha oportunidade para promover o coñecemento científico entre a poboación, mediante actividades de divulgación que reforzan o vínculo da cidadanía co seu en torno natural”.

Pola súa banda, Elena Martínez Pena, concelleira da Aula, salienta que “o roteiro Aves Invernantes supón unha oportunidade única para aprender sobre as especies que nos acompañan no inverno, ampliando a oferta formativa e cultural do noso municipio”. Engade, ademais, que este tipo de actividades “favorecen o contacto interxeracional coa natureza e invitan a gozar do medio dun modo respectuoso e educativo”.

A organización anima a toda a veciñanza e visitantes a participar “nesta experiencia de aprendizaxe ao aire libre e a coñecer de preto o comportamento das aves durante a estación invernal”.

Para obter máis información e formalizar as inscricións, as persoas interesadas poden dirixirse á Aula Universitaria da UNED en Foz a través das súas canles habituais, consultar a súa web oficial ou mediante o correo foz@lugo.uned.es e os teléfonos 982.133.699 e 604.034.549.