
A Deputación de Lugo abre o día 12 de xaneiro, luns, o prazo para solicitar a participación no Coñece a túa Provincia, o programa de viaxes gratuítas da institución provincial que nesta nova edición ofrece máis de 3.000 prazas. As bases do programa foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde este 12 de xaneiro, ás 12 da mañá, ata o 16 deste mes.
O programa mantén a oferta de 44 rutas polos 67 concellos da provincia, ás que se engaden 7 rutas accesibles deseñadas especificamente para colectivos de persoas con discapacidade física.
A Deputación de Lugo destaca que “como novidade, nesta nova edición priorizaranse as entidades que non participaron en convocatorias anteriores, garantindo así a oportunidade de acceder ao programa a novos colectivos, que poderán solicitar entre 15 e 23 prazas para realizar as excursións”. E explica que o Coñece a túa Provincia “está dirixido a todas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede na provincia de Lugo. Deben presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A orde de prelación da listaxe de entidades admitidas establecerase conforme á de presentación das solicitudes no correspondente rexistro, segundo data e hora que figure na documentación, ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP. A excursión concedida a cada entidade beneficiaria do programa incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, servizo de guía oficial de turismo e as entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa”.
O programa conta cun orzamento de máis de 200.000 euros, o que supón un investimento de 67,40 euros por persoa, que “repercute en beneficios para os concellos, ao fomentar o turismo de proximidade e dinamizar a actividade económica local”.


