
O Auditorio Municipal de Burela acollerá o sábado 25 de abril ás 18.00 horas o espectáculo familiar A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, unha proposta escénica da compañía A Xanela do Maxín dirixida a público infantil e familiar, recomendada a partir de 2 anos.
O Concello de Burela explica que esta obra “presenta a historia dunha toupiña que, tras sufrir un inesperado incidente ao saír do seu tobo, decide iniciar unha peculiar investigación pola granxa para descubrir cal dos animais foi o causante. No seu percorrido atoparase con diferentes personaxes, nunha sucesión de situacións cheas de humor e sorpresa. Cun ton divertido, o espectáculo conecta co público máis novo e tamén co adulto, ao tempo que introduce valores como o respecto polos animais, a curiosidade e a importancia de reflexionar sobre si realmente a vinganza paga a pena. A proposta inclúe ademais unha lectura máis profunda sobre cuestións como a convivencia, o coidado do medio e a xestión das emocións”.
Dende o Concello de Burela destacan que “iniciativas como esta contribúen a enriquecer a oferta cultural do municipio, fomentando o acceso á cultura dende idades temperás e promovendo momentos de encontro entre a veciñanza”.
As entradas xa están á venda e poden adquirirse a través de Ataquilla.com.


