O CENIMA de Foz acolle ata o 28 de febreiro unha exposición de Entroido da comparsa local As Farangullas

O CENIMA de Foz acolle unha mostra de Entroido dedicada á comparsa local As Farangullas. Poderá visitarse ata o día 28 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A inauguración foi presidida polo alcalde de Foz, Fran Cajoto, e tamén participaron varios concelleiros.

O Concello de Foz explica que esta exposición “pon en valor a creatividade, o traballo artesanal e o espírito do Entroido. As pregoeiras deste ano fan un percorrido pola súa historia como comparsa a través dos traxes que marcaron a súa traxectoria entroideira, nunha mostra chea de memoria, cor e identidade. Unha cita imprescindible para vivir o Entroido tamén a través da arte”.

E o deputado provincial Daniel García achegouse á inauguración da exposición de Entroido da comparsa As Farangullas de Foz, que mostra traxes, toucados, fotografías e anécdotas acumuladas en case tres décadas de traxectoria do colectivo, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O responsable de Rural, Mar e Mocidade na Deputación de Lugo destacou que “as peñas e comparsas son o auténtico motor do Carnaval de Foz, unha referencia na Mariña e dos máis vistosos e participados dos que se celebran por todo o país” e engadiu que “a implicación da veciñanza nestes colectivos, transversais e interxeneracionais, demostran ata que punto o Carnaval é parte da identidade de Foz”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a actividade destes colectivos, a través das subvencións de concorrencia competitiva da área de Cultura: “As Farangullas,  Sin Xeito, Éche o que hai e Pé do Molete
son as peñas focenses que recibiron estas axudas na última convocatoria, ben para a organización de actividades ben para a compra de instrumentos e equipamento, sumando máis de 4.300 euros. A área de Cultura traballa xa nas bases da convocatoria deste ano”.