Ribadeo e Viveiro homenaxearán ao músico Hernán Naval polo 25 aniversario do seu falecemento

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a iniciativa das asociacións Francisco Lanza, de Ribadeo, e Colectivo Pensamento e Sementeira, de Viveiro, para lembrar ao músico Hernán Naval polo 25 aniversario do seu falecemento.

O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, e a deputada de Cultura, Iria Castro, mantiveron un encontro con Farruco Graña e Xiana Naval, das directivas destas asociacións, no que ofreceron o apoio da institución provincial para as actividades que preparan de cara ao aniversario nas dúas localidades.

A Vicepresidencia da Deputación anuncia que “na xuntanza propúxose tamén programar unha iniciativa conxunta que visibilice o legado de Hernán Naval en toda a comarca, desde Viveiro -a súa cidade natal, onde foi profesor do Conservatorio ou presidente de Sementeira- ata Ribadeo, onde dirixiu a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo e promoveu a Escola Municipal de Música de Ribadeo, un dos primeiros centros destas características en Galiza”.

Daniel García valorou “a iniciativa das asociacións para lembrar a figura de Hernán Naval, un referente para as agrupacións culturais e as institucións que valoramos a capacidade de transformación social da cultura”.

O deputado mariñao sinalou que “a súa contribución vai máis aló da interpretación e composición: Hernán Naval abriu e democratizou a formación musical, rompendo as barreiras que impedían o acceso a estas ensinanzas e poñendo en práctica os valores e as ideas que defendeu tamén no ámbito pedagóxico, social e político. A súa figura conta cun recoñecemento unánime en toda A Mariña, especialmente por parte das persoas que foron alumnas e alumnos ou participaron das numerosas iniciativas que impulsou, polo que acordamos coas asociacións promotoras da homenaxe incorporar ás actividades un acto que simbolice a súa relevancia para a comarca”.

A Vicepresidencia da Deputación manterá nas vindeiras semanas o contacto coas dúas entidades para seguir avanzando na axenda de actividades para este ano de homenaxe e na publicación dun volume que recompile artigos e outros materiais escritos sobre as temáticas que abordou na súas facetas de docente, conferenciante, articulista, activista cultural ou político.