
O Concello de Cervo achegará a música ás crianzas desde as idades máis temperás dentro da nova actividade Brincos Musicais, dentro do programa infantil Brincos de Lecer. O inicio do programa está previsto para o mércores 4 de marzo. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura ou a través do teléfono 982.59.51.57.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou esta actividade, que “aposta pola estimulación e a formación musical desde as primeiras idades”, nun acto no que tamén participou a musicoterapeuta María Fuente García, encargada de impartir as sesións.
A iniciativa desenvolverase os mércores na Casa do Mar e está estruturada en dous grupos diferenciados por idades. De 16.00 a 17.00 horas terá lugar o obradoiro de Iniciación Musical, dirixido a nenos e nenas de 4 a 7 anos, mentres que de 17.00 a 18.00 horas celebrarase o programa de Estimulación Temperá, pensado para crianzas de 0 a 3 anos.
A rexedora explica que o obxectivo desta actividade é “fomentar o desenvolvemento integral da infancia a través da música, potenciando capacidades como a coordinación, a expresión corporal, a creatividade e a socialización, destacando a importancia do contacto temperán coa música como ferramenta para estimular o desenvolvemento cognitivo, emocional e sensorial”.
As sesións incluirán xogos musicais, experimentación con instrumentos, dinámicas de ritmo e movemento, así como actividades adaptadas ás diferentes etapas evolutivas dos participantes.
Con esta proposta, o Concello de Cervo “reforza a súa aposta por ofrecer alternativas educativas e de lecer saudables, promovendo espazos de aprendizaxe e convivencia para as familias do municipio”.


