
O cartel e o programa cultural ADRAL, da Semana Santa de Viveiro, foron presentados este sábado, 28 de febreiro, na Casa do Concello viveirense.
No acto a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, puxo en valor esta festividade relixiosa, declarada de Interese Turístico Internacional e á que a institución provincial achega este ano 30.000 euros.
Carmela López destacou o impacto real que xera esta cita en toda A Mariña e que “é o exemplo de como a cooperación territorial multiplica resultados”. Enmarcou nesa repercusión nos aloxamentos, restauración, comercio ou transporte o compromiso da Deputación, subliñando que “defender a Semana Santa de Viveiro é defender patrimonio, identidade e tamén oportunidades para a comarca”.
Ademais puxo en valor durante a súa intervención o papel das confrarías, “como custodias da tradición, da historia e do arte sacro e potenciadoras, co seu traballo dunha Semana Santa que proxecta o nome de toda a provincia, contribuíndo ao orgullo e á identidade compartido”. Nese sentido recalcou que “coa programación que tedes preparada volvemos ver que a Semana Santa é unha gran dinamizadora social”.
A Deputación de Lugo explica que “entre a programación deste ano destaca o concerto que ofrecerá Carlos Núñez o 7 de marzo na igrexa de San Francisco; ou o pregón do xornalista Anxo Rodríguez, que o lerá o día 28 no Teatro Pastor Díaz. Ademais algúns dos pasos de máis interese artístico como o da Última Cea, creado en 1808; o do Encontro acompañado das tallas da Virxe da Dolorosa, de San Juan e da Verónica; o Vía Crucis; ou a procesión da Soidade, coñecida tamén como dos Caladiños procesionarán nas datas litúrxicas”.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, tamén participou na presentación do cartel e a programación da Semana Santa de Viveiro e subliñou o apoio da Xunta de Galicia a “esta manifestación relixiosa e cultural que xera unha importante actividade turística na vila”.
Arias gabou o traballo da Xunta de Confrarías, á que o Goberno galego destina 40.000 euros mediante un convenio. Sinalou que tamén se subscribiron acordos co Concello “para impulsar o turismo cultural e o deportivo, e que xunto aos fondos para outras iniciativas suman unha achega autonómica de máis de 800.000 euros en accións turísticas no municipio ao longo do ano”.
A Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, é “unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia e destaca especialmente polo valor artístico dos pasos procesionais”, destaca a Xunta de Galicia.
E o Concello de Viveiro explica que o cartel oficial da Semana Santa 2026 é obra de María San Isidro, quen “capturou coa súa sensibilidade a esencia da nosa tradición. Unha peza que marca o inicio da conta atrás para a nosa semana máis grande. Xunto ao cartel, deuse a coñecer o programa ADRAL, que trae a Carlos Núñez o vindeiro 7 de marzo. Noraboa á autora e á Xunta de Confrarías polo seu gran traballo”.


