
O Concello de Alfoz conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha campaña institucional que este ano leva por lema Igualdade real, tamén no rural, unha mensaxe que reivindica “a necesidade de seguir avanzando na igualdade de dereitos e oportunidades para as mulleres tamén nos territorios rurais”.
Con motivo desta data, a Casa do Concello de Alfoz tinguirase de violeta, “como símbolo de apoio e recoñecemento a todas as mulleres e como mostra do compromiso institucional coa igualdade”.
Ademais o Concello de Alfoz publicará a terceira edición da iniciativa Mulleres de Alfoz, unha serie de infografías que poñen en valor a traxectoria e a experiencia vital de mulleres do municipio. “A través destas publicacións preténdese dar visibilidade ao papel fundamental que desempeñan na sociedade local, recoñecendo o seu traballo, o seu esforzo e a súa contribución ao desenvolvemento da comunidade”, explica o Concello de Alfoz.
Desde o goberno municipal sinalan que “o 8 de marzo é unha data para reivindicar, pero tamén para recoñecer o papel imprescindible das mulleres na vida social, económica e cultural do noso concello”. Nesta liña destacan que “nos concellos rurais como Alfoz a igualdade tamén ten retos propios, relacionados coa conciliación, as oportunidades laborais ou o acceso a servizos, polo que é necesario seguir traballando para garantir unha igualdade real e efectiva”.
O executivo local subliña ademais que “iniciativas como Mulleres de Alfoz permiten poñer rostro ás historias de vida das mulleres do noso municipio, visibilizando referentes e contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
Finalmente, desde o Concello animan á veciñanza a sumarse á conmemoración do 8M e a “continuar avanzando entre todos e todas cara a unha sociedade máis igualitaria”.


