
O Concello de Trabada pon en marcha unha nova edición das rutas de sendeirismo organizadas en colaboración coa asociación Trabada paso a paso. Contará con cinco actividades ao longo do ano 2026. A primeira das rutas terá lugar o domingo 29 de marzo e consistirá nun percorrido polo Camiño Norte de Santiago, cunha distancia aproximada de 8 quilómetros e dificultade media.
“A actividade partirá do concello veciño de A Veiga (Asturias) e rematará na parroquia da Ría de Abres, seguindo o trazado do Camiño de Santiago. A saída está prevista ás 10:00 horas desde o centro social da Ría de Abres. A inscrición é gratuíta e poderá realizarse ata o 26 de marzo nas oficinas do Concello de Trabada ou a través do teléfono 982 135 011. Desde a organización lembran tamén que será obrigatorio o uso de chaleco reflectante durante o percorrido. Ao finalizar a ruta, as persoas participantes poderán ademais desfrutar do Tapeo de Trabada, que se celebrará esa mesma fin de semana no municipio”, explica o Concello de Trabada.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou “a importancia da colaboración co tecido asociativo local para desenvolver este tipo de iniciativas. A organización destas rutas xunto coa asociación de sendeirismo Trabada Paso a Paso permítenos ofrecer actividades que fomentan o deporte, os hábitos saudables e a convivencia, ao tempo que contribuímos a dinamizar a vida social do noso concello”.
Desde o Concello de Trabada animan á veciñanza e ás persoas interesadas a participar nesta primeira ruta do ano, coincidindo ademais co inicio da primavera e coa “época máis propicia para practicar sendeirismo”.


