
O mago e pianista Nacho Samena presentará en Ribadeo o seu espectáculo titulado Suxestión. Será este venres, día 20 de marzo, ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval.
O Concello de Ribadeo anuncia: “a mente xoga. A música guía. Nada acontece por casualidade. Nacho Samena presenta un espectáculo diferente: maxia e música mesturadas nunha experiencia coidada ao detalle, sorprendente e elegante. Non é só un show, é algo que tes que vivir en directo”. Ademais explica que Suxestión “é o novo espectáculo de Nacho Samena onde a maxia e o piano se dan a man nunha experiencia familiar, sorprendente e chea de humor. Un show participativo no que o público xoga, decide e se deixa sorprender cos números de maxia, a música en directo e o humor de Nacho Samena, que é subcampión de España de cartomaxia e pianista internacional. Atópase en constante xira por teatros e festivais de todo o mundo: Colombia, Reino Unido, México, Francia, Perú, Holanda, Alemaña, Bélxica...”.


