
Catorce clubs participarán en Ribadeo os días 4 e 5 de abril no Tournament de Mini Basket, que reunirá a 200 xogadores e xogadoras. O evento está organizado polo Concello de Ribadeo, CB Ría de Ribadeo e Xunta de Galicia. O patrocinador principal é The Basket Dream.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “nesta cita co Mini Basket participarán equipos da Mariña, outros chegados desde Pontevedra e tamén da veciña Asturias. Serán dous días de torneos femininos e masculinos cun total de 200 xogadores e xogadoras nas canchas dos pavillóns de Alfredo Deaño e da Avenida de Luarca e nas instalacións do Ceip Gregorio Sanz”.
O edil ribadense subliñou que “estas nenas e nenos que veñen de fora pasarán aquí a fin de semana, moitos deles, acompañados das súas familias, que aproveitarán para coñecer e gozar de Ribadeo e da súa contorna. Agardamos que a súa presenza teña un impacto importante na hostalería e tamén no comercio de Ribadeo”.
O Tournament foi presentado polo alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, e Alberto Carmona, axente de The Basket Dream.


