O Concello de Cervo presenta unha programación de Semana Santa que se desenvolverá ata o 6 de abril

O Concello de Cervo presenta unha “ampla e diversa” programación con motivo da Semana Santa, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 6 de abril, “co obxectivo de dinamizar a vida social e cultural do municipio, contando coa imprescindible colaboración das asociacións locais”.

A programación arrinca este sábado, 28 de marzo, coa X Foliada Nordestía en San Ciprián, organizada pola Asociación A Rebolaxe, coa colaboración do Concello, que contará coas actuacións xa entrada a noitiña de Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá en San Ciprián. Ademais haberá animación musical durante todo o día, cantos de taberna, diversos obradoiros e un xantar popular que terá lugar na Praza dos Campos.

O Concello de Cervo tamén anuncia que “no ámbito cultural destaca a representación teatral Aire Fresco, este domingo no Local Social de Lieiro, ás 19:00 horas, a cargo do Grupo de Teatro Ardora, organizada pola Asociación Veciños Nosa Señora de Lieiro; así como a inauguración da exposición Baleas a flote: arte en madeira e mar , obra de Francisco Martínez-Pin, que inclúe tamén un taller didáctico para a rapazada de Cervo Concilia. Será o mércores, día 1 de abril, ás 13:30 horas na Casa da Cultura. Non é só unha mostra artística senón o inicio dun itinerario simbólico e histórico que percorrerá os antigos portos baleeiros do Cantábrico. A obra pretende contribuír á concienciación urxente sobre a necesidade de protexer a Natureza e o medio mariño. Reconstruíndo a nobreza dos xigantes do mar a través de materiais recuperados.

Tamén haberá o programa Cervo Concilia para axudar á familia durante as vacacións escolares, os días 30 e 31 de marzo, e 1 e 6 de abril na Casa do Mar, complementándose con actividades infantís na Praza dos Campos. A mocidade tamén terá o seu protagonismo co guateque e bingo organizado polo alumnado de 1º e 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar na Casa do Mar o martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas”.

O Concello de Cervo engade que “xa o mércores, día 1 de abril, terá lugar o III Festival do Guioncho, impulsado pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, coa colaboración municipal, consolidándose como unha cita de referencia dentro da oferta festiva local e que contará coas actuacións de El Combo Dominicano, a xira WAYKAS Survivor  Tour da orquestra Waykas, e DJ Pablo Conxuro.  No eido deportivo e de lecer, destaca o alugueiro de bicicletas eléctricas en Cervo, na Praza do Souto, o 1 e o 3 de abril, en colaboración con Airiños do Xunco, e na Casa da Cultura, en San Ciprián, o 4 e o 5 de abril; así como a III Ruta Cabalar organizada pola Asociación Cabaleiros da Bidueira, en colaboración co Concello, que terá lugar o domingo 5 de abril coa saída prevista ás 10:00  horas, do polideportivo de San Román. As tradicións e a convivencia interxeracional estarán moi presentes coa celebración da IV Gran Festa das Xeracións, organizada por A Fume de Carozo en colaboración coa administración local prevista para o sábado 4 de abril desde o mediodía, na Praza dos Campos; e coa Pascua de Trasbar, promovida pola Asociación Burgo de Trasbar para o día 5 de abril”.

Desde o Concello de Cervo “quérese poñer en valor o compromiso e o traballo das asociacións locais, fundamentais para facer posible unha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos” E anima a veciñanza e visitantes a “participar activamente nas distintas actividades programadas e a desfrutar dunha Semana Santa chea de cultura, tradición e lecer”.