O Concello de Barreiros convoca o Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2026, ao que se poden presentar traballos ata o 15 de maio

O Concello de Barreiros convoca o Certame de Narración e Debuxo Letras Galegas 2026, ao que se poden presentar traballos ata o día 15 de maio, venres.

“O 17 de maio celebraremos un día moi importante para as nosas letras e a nosa lingua, que é unha das riquezas máis importantes que posuímos, homenaxeando a Begoña Caamaño, unha muller que coa súa escrita e o seu compromiso feminista deunos unha nova forma de ollar a cultura. Begoña ensinounos que ler é tamén unha forma de entender quen somos e de imaxinar un mundo máis libre e xusto. Baixo o lema Medrar lendo a Biblioteca Municipal de Barreiros abre o certame local para que as nenas e nenos do concello sexan os protagonistas. Queremos que nos contedes, con palabras ou debuxos, eses momentos especiais nos que un libro foi o voso compañeiro de viaxe e vos axudou a imaxinar novos camiños”, anuncia o Concello de Barreiros, que engade: “para participar podedes facelo con narracións propias en galego (máximo un folio) ou debuxos (tamaño A4) nas diferentes categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 16 anos. O prazo para presentar os traballos remata o 15 de maio e podedes entregalos na Biblioteca Municipal ou nos colexios de Barreiros”.

Os traballos que resulten premiados nesta fase local representarán a Barreiros na provincial coordinada pola Biblioteca Pública de Lugo.