
A Guardia Real será a encargada de izar as bandeiras no espazo habilitado a carón da Casa do Concello de Ribadeo. O acto terá lugar o vindeiro xoves, 7 de maio, pola tarde.
O alcalde, Dani Vega, anunciou que “dentro da programación de actos que está tendo a Guardia Real na provincia de Lugo, tamén se trasladan a Ribadeo. O primeiro que quero é mostrar o meu agradecemento á Casa Real e á Guardia Real por trasladar estas actividades, estes actos solemnes aos distintos municipios e que todos poidamos observar actos que non estamos acostumados a ver”. O rexedor cre que esta actividade “acerca a Guardia Real á poboación e podemos observar actos que son tamén de importancia. Nosoutros temos que mostrar o agradecemento profundo aos mandos militares da Guardia Real pola excelente coordinación e colaboración con este Concello para desenvolver este tipo de actos”.
Vega explicou que “o xoves, 7 de maio, a partir das cinco da tarde, no porto deportivo, co grupo de mergullo da Casa Real, desenvolverán unhas actividades aí, despois trasladaranse á Praza de España a modo de desfile polas distintas rúas do casco histórico e despois tanto na Praza de España como en toda a contorna farán desfiles”.
O alcalde subliñou que “aproveitamos a ocasión de constituír un espazo oficial para as bandeiras de Ribadeo, as bandeiras tanto de España como de Galicia e a europea e despois en breve tamén se colocará a bandeira ribadense, pero neste caso esas tres. Izarán a bandeira de España a Guardia Real, aproveitamos a ocasión e así llo trasladei aos mandos militares de izar nun espazo, que se constitúa oficialmente ese espazo para eliminar as bandeiras do balcón, entón tamén agradecemos que colaboraran con nós”. E engadiu: “son unha serie de actos que van desenvolver o xoves 7 de maio a partir das 5 da tarde tanto no porto deportivo como na Praza de España, que non estamos acostumados a ver vamos ter a ocasión de poder disfrutalos todos”.
Dani Vega convida a ribadenses e visitantes a presenciar os actos programados en Ribadeo: “convido a todos os ribadenses, a todas as persoas que estean tamén de paso, de visita en Ribadeo, que acudan tanto ao porto deportivo e á Praza de España e invito a participar nese izado oficial das bandeiras aquí en Ribadeo. Son uns actos moi importantes que creo que tamén enriquecen a cultura nosa ribadense”.


