
O mércores 6 de maio ás 12:00 horas, na Praza de Abastos de Ribadeo terá lugar a Masterclass Armonía de Viños, impartida polo sumiller Alberto Vega. A actividade enmárcase no Ribadeo Sabe, o renovado concurso gastronómico de tapas, que organizan o Concello e Acisa.
“Trátase dunha actividade especialmente orientada ao sector hostaleiro, concibida como un espazo de formación e intercambio arredor da harmonía entre bebidas e gastronomía. Durante a sesión os asistentes catarán viño branco, viño tinto e diferentes cervexas, e recibirán consellos e orientacións sobre combinacións de sabores con distintas bebidas, co obxectivo de achegar ferramentas útiles para a aplicación práctica na hostalaría e para mellorar a experiencia gastronómica dos clientes”, explican desde a asociación Cociñeiros Lugo. E subliñan que “esta masterclass busca aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe”.
Desde o Concello e Acisa animan “ao sector hostaleiro de Ribadeo a acudir a esta masterclass, que se celebrará na Praza de Abastos o mércores 6 de maio a partir das 12 do mediodía”.
O Ribadeo Sabe ultima os detalles desta renovada edición, que se desenvolverá do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros ribadenses.


