A pediatra Consuelo Lobelle falará sobre os beneficios de consumir peixe o martes 12 de maio en Burela

O proxecto Pesca Saúde convida á pediatra Consuelo Lobelle Fernández a participar nunhas xornadas técnicas que se celebrarán o martes 12 de maio ás 19:30 horas na Casa do Concello de Burela. A doutora centrará a súa intervención en sinalar “os beneficios do consumo de produto pesqueiro no desenvolvemento cognitivo e no crecemento na infancia”, anuncia o GALP A Mariña-Ortegal. O evento, que se celebrará dentro da programación da Estratexia Saúde Concello de Burela, ten carácter aberto ao público e non precisa inscrición previa.

Os organizadores do acto explican que Consuelo Lobelle Fernandez “é unha coñecida pediatra, con grande experiencia no diagnóstico de enfermidades infantís. Actualmente exerce no Centro de Saúde Illas Canarias, en Lugo. É licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén obtivo o título de doutora en Medicina e a súa especialidade no Hospital Universitario de Santiago de Compostela”.

Pesca Saúde “son xornadas técnicas centradas en diferentes temáticas nas se conta con profesionais da saúde que expoñen os beneficios do consumo de produto pesqueiro segundo a súa especialidade sanitaria. A finalidade é divulgar, de maneira clara e rigorosa, os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies mariñas de proximidade en diferentes ámbitos da saúde, desmontando mitos, achegando evidencias científicas actualizadas”.

O proxecto Pesca Saúde “nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. Por iso promover o consumo regular de peixe das nosas costas non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables”.

No proxecto Pesca Saúde “as peixerías terán tamén un papel protagonista. En eventos coma estas xornadas repártense vales de desconto de 5 euros entre as persoas asistentes, aplicables directamente na compra de produto pesqueiro. Ademais ata o 30 de xuño todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60 euros ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. As peixerías participantes estarán identificados co distintivo oficial da campaña”.

O seguinte obxectivo do proxecto “será o sector da hostelaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada. E tamén neste ano celebraranse os obradoiros de BatchCooking, que é unha forma de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas”.

Pesca Saúde é unha inciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar; participan sete GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda,Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña- Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.