escavacións

09/12/2025

Barreiros acollerá este venres, día 12 de decembro, ás 19:00 horas unha charla sobre as escavacións arqueolóxicas realizadas no Feal da Paula e no castro de San Bartolo.

“Nas últimas semanas estiveron realizándose escavacións arqueolóxicas no Feal da Paula (San Miguel) e na zona do San Bartolo. Para coñecer os resultados das sondaxes e incluso ver algún dos restos atopados nas zonas escavadas, o equipo arqueolóxico organiza unha charla explicativa aberta ao público. Así que se tes curiosidade por saber que se esconde (arqueoloxicamente falando) na nosa costa, achégate o venres 12 de  decembro ás escolas unitarias de San Cosme (a carón do Concello) ás 19:00 horas. Non perdas a oportunidade de aprender un chisco máis sobre a nosa historia!”, anuncia o Concello de Barreiros.

05/06/2024

Para este xoves, día 6 de xuño, ás 16:00 horas está programada unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas que se están realizando no lugar de Combarro, que pertence á parroquia mindoniense de San Vicente de Trigás.

Estes traballos lévanos a cabo investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e a empresa Tempos Arqueólogos. A intervención, que permitirá o afondamento na época sueva, está dirixida pola investigadora posdoutoral Celtia Rodríguez González, pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), do que tamén forma parte a USC. Contan coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a través do asesoramento do arqueólogo Abel Vigo, así como da especialista en arqueobotánica Leonor Peña Chocarro, do CSIC de Madrid.