
O Concello de Alfoz pon en marcha unha nova edición do programa de conciliación estival Ludiverán, unha iniciativa “destinada a facilitar a compatibilización da vida familiar e laboral durante os meses de verán, ao tempo que ofrece aos nenos e nenas un espazo de lecer, convivencia e aprendizaxe nun entorno seguro e divertido. O programa está dirixido á rapazada nacida entre os anos 2014 e 2022 e desenvolverase entre o 29 de xuño e o 31 de agosto. O horario habitual será de 10:00 a 13:00 horas, ofrecéndose ademais a posibilidade de entrada anticipada ás 9:00 horas e saída ás 14:00 horas, adaptándose así ás necesidades das familias participantes”.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 5 e o 12 de xuño. As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica municipal ou presencialmente na Casa do Concello. As bases completas do programa están dispoñibles na web municipal e na sede electrónica.
Ao longo do verán, os participantes “gozarán de actividades lúdicas, xogos, obradoiros e propostas adaptadas ás diferentes idades, promovendo valores como a cooperación, a creatividade, a convivencia e o respecto”, anuncia o Concello de Alfoz, que ademais destaca que “o Ludiverán consolidouse nos últimos anos como un servizo fundamental para moitas familias do municipio, converténdose nun recurso moi demandado durante o período non lectivo. O programa busca ofrecer unha alternativa de ocio educativo de calidade, favorecendo ao mesmo tempo a conciliación familiar durante os meses estivais. Ademais, o Concello continúa apostando por esta iniciativa, que xa en edicións anteriores ampliou horarios para adaptarse mellor ás necesidades das familias”.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinala que “o Ludiverán é unha ferramenta moi importante para apoiar ás familias do noso concello durante o verán, ofrecendo aos nenos e nenas un espazo seguro onde divertirse, socializar e aprender mentres os pais e nais poden compatibilizar mellor as súas responsabilidades laborais e familiares. Seguimos traballando para ofrecer servizos que melloren a calidade de vida da veciñanza e que contribúan a fixar poboación e apoiar ás familias no rural”.


