O Concello de Burela acolle o 19 de xuño o ciclo ‘Arredor do té’ para sensibilizar sobre a situación do pobo saharauí

O Concello de Burela participará no ciclo de conversas titulado Arredor do té, unha iniciativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para sensibilizar arredor da situación do pobo saharauí e das condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf, en Alxeria. A actividade celebrarase o venres 19 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Xuventude de Burela, no marco da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que Nacións Unidas celebra o 20 de xuño baixo o lema Ata que todo o mundo estea a salvo.

O Concello de Burela anuncia que “as charlas serán impartidas por activistas saharauís, que ofrecerán un testemuño directo sobre a realidade do Sáhara Occidental e sobre as dificultades ás que se enfrontan as persoas refuxiadas nos campamentos de Tinduf. A proposta toma como referencia o ritual tradicional do té no deserto do Sáhara, entendido como un espazo de conversa, hospitalidade e intercambio cultural. Entre os obxectivos da iniciativa figuran combater a desinformación, visibilizar a historia do Sáhara Occidental como antiga provincia española, denunciar a situación dos dereitos humanos no territorio, dar a coñecer o papel das mulleres saharauís na resistencia e divulgar os programas de apoio existentes”.

O tenente de alcaldesa en Burela, Mario Pillado, sinalou que “é importante abrir espazos de información e sensibilización sobre realidades que moitas veces permanecen afastadas da cidadanía”. Así mesmo destacou “o valor do intercambio cultural e da cooperación entre pobos como ferramentas para fomentar unha sociedade máis consciente e solidaria”.