
Ribadeo acollerá do 19 ao 21 de xuño a Feira Galega de Artesáns. Contará con 15 stands que estarán situados na Praza de España. O horario de apertura será de once da mañá a nove da tarde.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, anunciou que “esta fin de semana teremos a oportunidade de ver en Ribadeo as creacións e as propostas dos artesáns galegos, que chegan á nosa vila da man da Xunta e de Artesanía de Galicia”. A edil ribadense explicou que “nos 15 postos desta Feira Galega de Artesáns poderemos atopar complementos de moda e téxtiles, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutería, xoguetes ou esmaltes”.
Saiz indicou que “esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas e consideramos que será un atractivo importante para Ribadeo a súa celebración esta vindeira fin de semana. O obxectivo é dar a coñecer traballo dos artesáns galegos, que veñen aquí procedentes das catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra”.


