
En Ribadeo a Gastropraza continúa coa súa programación de actividades pensadas para afondar no coñecemento do produto, da tradición culinaria e dos procesos de elaboración que forman parte da identidade gastronómica galega. Entre finais de xuño e o mes de agosto este espazo acollerá sete citas arredor do café, o pan, os peixes de temporada e produtos emblemáticos como o porco celta ou a tenreira galega. Este sábado, día 27 de xuño, terá lugar unha sesión dedicada ao café, da man de Coffe Urban Roasters, profesionais do café de especialidade chegados desde Viveiro.
O Concello de Rbiadeo anuncia tamén que “no mes de xullo o día 4 terá lugar un obradoiro centrado na elaboración de masas de pan, unha proposta pensada para achegar ao público técnicas, coñecementos e fundamentos básicos dun alimento esencial na nosa cultura gastronómica. A Gastropraza continuará a súa actividade o día 18 de xullo cun encontro con Xulio Mato, especialista gastronómico e colaborador do programa da TVG A Voltas co Prato. E haberá unha nova sesión o 29 de xullo dedicada aos peixes de temporada, unha oportunidade para poñer en valor o produto do mar e a súa importancia na cociña galega. O programa completarase en agosto con tres novas datas: o 5 cunha xornada arredor do porco celta; o 19 cunha sesión dedicada á tenreira galega; e o 26 de agosto con carne de poldro de Pura Raza Galega, pechando así un calendario de verán que aposta pola divulgación gastronómica, o produto de proximidade e a conexión entre tradición e cociña contemporánea. Con esta programación, a Gastropraza consolídase como un espazo de encontro en Ribadeo para profesionais, persoas afeccionadas á gastronomía e público interesado en descubrir, aprender e gozar da riqueza culinaria galega a través de actividades especializadas e experiencias arredor do produto”.
A organización corre a cargo do Concello de Ribadeo, Xunta de Galicia, Acisa e a asociación Cociñeiros Lugo.


