Comezan as “Noites Alternativas” en Foz, que se desenvolverán ata o 26 de agosto na praia da Rapadoira e no Campo da Cabana

O Concello de Foz arranca un dos seus programas estivais por antonomasia, as Noites Alternativas: actividades deportivas e de ocio para a xuventude, en enclaves emblemáticos de Foz coma a Praia da Rapadoira e o Polideportivo do Campo da Cabana, anuncia o Concello, que engade que as actividades serán para rapaces a partir dos 10 anos os luns, martes e mércores e requiren inscrición previa ata o día anterior á actividade no correo electrónico asnoites@concellodefoz.es. A documentación e toda a información está a disposición na páxina web do Concello.

O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, explica que “as actividades son variadas, inícianse ás 22.00 horas deste luns, co fútbol sala 3x3, ata o mércores; seguimos co lasertag o 27 e 28 de xullo; o wipeout o 3, 4 e 5 de agosto; o volei praia o 11, 12 e 13 de agosto; o fútbol praia o 17, 18 e 19 de agosto; e o baloncesto 3x3 o 24, 25 e 26 de agosto. Pero esta non será a única actividade da Concellería, xa que volve o Camp Night na Obra Pía de Fazouro, que será a última semana de xullo e para a que pronto colgaremos toda a información e inscricións. O ano pasado foi un verdadeiro éxito. Ademais volven os deslizadores acuáticos a semana do 20 de xullo ao Campo da Cabana e teremos en agosto a festa acuática en Tupide”.

E o alcalde, Fran Cajoto, destaca que “Foz non é só praia e mar, tamén temos moitas actividades que fan que todo o mundo saiba que é un pobo para desfrutar. Esta pasada fin de semana celebramos a I Feira Galega de Artesáns e o XV Festival Coa Nosa Fala, no que desfrutamos das actuacións dos grupos Dous e De Vacas; o venres tamén deu comezo un novo ciclo de Sons na Rúa, co grupo Mplan, da Escola Municipal de Música. Programación cultural e deportiva para todos os gustos e para que todos gocemos do bo tempo”.