O 22 de agosto disputarase a VIII Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo

O día 22 de agosto, sábado, disputarase a oitava Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo, que organiza o Club Atletismo Ribadeo. A presentación foi nas inmediacións do Pazo de Ibáñez e contou coa participación de representantes do Concello, da Xunta, da Deputación e de Acisa, así como de patrocinadores e membros do club organizador.

Son 14 as categorías que se disputarán desde pitufos ata veteranos: “de pitufos a alevín desenvolveranse arredor do parque de San Francisco, infantil e cadete sairán desde o faro da Illa Pancha e a proba absoluta, de 9 quilómetros, partirá de Rinlo e rematará en Ribadeo diante do Concello”, explican desde o Club Atletismo Ribadeo, que tamén anuncian que “ata o momento son 266 as persoas inscritas e o prazo remata o 19 de agosto ás 23:59 horas. Tod@s @s participantes levarán unha bolsa do corredor con diversos agasallos xunto o seu dorsal personalizado. Na proba absoluta terán dereito a unha camiseta sublimada tod@s aqueles/as que se inscriban antes do vindeiro 31 de xullo como así mesmo poderán escoller entre o agasallo dun frontal ou unha braga personalizada da carreira”.

Desde a organización subliñan que “na proba absoluta é obrigatorio levar frontal de luz e recomendable o uso de reflectores. Os dorsais entregaranse o mesmo día da Carreira en Deportes Docobo (Atmósfera Sport), dende as 10:00 da mañá ata as 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Non se entregarán dorsais fora do horario establecido baixo ningún concepto. Haberá duchas e servizo de transporte dende Ribadeo a Rinlo para a saída das carreiras infantís, cadetes e absoluta. Os horarios serán publicados no facebook e instagram do Club Atletismo Ribadeo. A proba conta con seguro de accidentes e de responsabilidade civil e ambulancia”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, indicou que “aínda quedan días para poder anotarse e participar nesta carreira, que xa temos todos marcada no calendario das citas importantes do verán na Mariña e que non podemos perder. Agardamos que a disfruten e que o pasen moi ben en Ribadeo, unha vila que ten moito que ofrecer a quen nos visita”.