
O Concello de Cervo anuncia que San Ciprián volverá render homenaxe á Virxe do Carme cun amplo programa de actividades que se desenvolverá entre os días 11 e 18 de xullo.
As celebracións arrancarán este sábado, día 11 de xullo, coa tradicional Gran Mexillonada Popular, organizada pola Asociación Amigos da Maruxaina, na Praza dos Campos, a partir das 20:00 horas.
O mércores 15, primeiro día grande das festas, haberá sesión vermú coa orquestra Supertop. Pola tarde celebrarase a misa solemne na igrexa parroquial de Lieiro, cantada pola Coral Terramar, á que seguirá a tradicional baixada da Virxe do Carme ata o peirao, organizada pola asociación Mar de San Ciprián, acompañada pola Banda San Inocencio de Burela e polo grupo de gaitas de A Rebolaxe. “Durante este emotivo acto renderase unha homenaxe a Luis Orive López Canoura, colaborador durante moitos anos da procesión e persoa moi vencellada á organización desta celebración, falecido recentemente e cuxa ausencia será especialmente lembrada nesta edición”, explica o Concello de Cervo. A xornada rematará cunha gran verbena na Praza dos Campos coa orquestra Supertop e o grupo Kubo.
O xoves 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, ás 12:00 horas celebrarase a misa solemne no peirao, cantada pola Coral Terramar. Ao remate terá lugar a tradicional ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos, a cargo de Geluca, veciña da vila, seguida da procesión da Virxe ata a Igrexa Parroquial de Lieiro, organizada tamén pola Asociación Mar de San Ciprián e acompañada pola banda de música O Landro, de Viveiro. Ás 14:00 horas celebrarase a sesión vermú coa orquestra Costa Dorada, que volverá actuar na gran verbena das 22:00 horas xunto ao grupo Arizona.
A programación festiva completarase o venres 17 de xullo co Festival Folklórico Internacional, a partir das 20:00 horas, e o sábado 18 co Festival Folklórico Infantil, a partir das 19:00 horas, na Praza dos Campos, ambos organizados polo Grupo Folklórico Mistura, coa colaboración do Concello de Cervo.
“Cómpre destacar tamén a colaboración da Asociación Mulleres de San Ciprián, encargada da decoración floral que engalana as rúas e os espazos polos que discorre a procesión, contribuíndo a crear a imaxe característica destas festas, e da Anxuela que tamén colabora nos festexos”, engade o Concello de Cervo e a alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “estas festas son unha das celebracións máis sentidas do calendario local e representan á perfección o vínculo de San Ciprián co mar e coas súas tradicións. Son días nos que veciñanza, asociacións e visitantes comparten espazos e emocións arredor dunha celebración que forma parte da nosa identidade”.
A rexedora tamén agradece “o compromiso e o traballo das entidades colaboradoras, das asociacións e das persoas voluntarias que fan posible que cada ano esta festa manteña vivo o seu carácter popular e participativo", ao tempo que animou á veciñanza e a quen visite a vila para “desfrutar dunha programación pensada para todos os públicos, na que non faltarán a música, a convivencia e os actos máis emblemáticos da nosa tradición mariñeira”.


