Ribadeo acollerá o 2 de agosto a preestrea de “Silencio”, unha curtametraxe documental sobre a ribadense Almudena Pulpeiro Peña

Silencio, a nova curtametraxe producida por Tetra Filmes e dirixida por Cris Andina e Saamira Ganay, narra unha historia de amor, perda e memoria a través da vida de Almudena Pulpeiro Peña, unha xove trompista ribadense falecida nun accidente de tráfico e como os seus pais converten a súa vida nunha homenaxe continua. A preestrea terá lugar o domingo 2 de agosto ás 20:00 horas nunha sesión gratuíta ata completar aforo que incluirá un coloquio posterior coas directoras, membros da familia de Almudena, David Villa (integrante de Zoar Ensemble e compositor da banda sonora), entre outros, anuncia Tetra Filmes, que engade: “lonxe de centrarse unicamente na traxedia, Silencio pon o foco na extraordinaria capacidade de transformar a dor nun legado que segue crecendo décadas despois. Os seus pais, Macu e Luis, dedicaron estes anos a manter viva a memoria da súa filla impulsando diferentes iniciativas inspiradas na paixón de Almudena pola música. Grazas a ese compromiso promoveron a publicación do libro Da capo, unha historia real, escrito por Adriana Aramburu Peña, o director e compositor galego Juan Lois Diéguez encargouse de crear unha peza musical e agora esta curtametraxe documental recolle parte da historia contada polos seus pais”.

Tetra Filmes explica tamén que “a idea de facer Silencio nace dun vínculo profundamente persoal. A proposta chegoulle a Cris Andina da man de Luis, íntimo amigo de seu pai, tamén falecido en accidente de tráfico. Este nexo converte o proxecto nunha obra especialmente íntima, na que a experiencia compartida do duelo e a necesidade de preservar a memoria se converten no fío condutor do relato. Cunha mirada sensible e próxima, Silencio reflexiona sobre a ausencia, a lembranza e a forma na que o arte e música poden converterse en refuxio, homenaxe e esperanza. O documental propón unha viaxe emocional que transcende a historia dunha familia para falar da capacidade humana de converter o amor nun legado que permanece”.

A preestrea en Ribadeo será a primeira oportunidade para que o público descubra unha obra que aspira a iniciar o seu percorrido por festivais, “levando consigo unha mensaxe universal sobre a memoria, a resilencia e o poder transformador da música”.

A ribadense Cris Andina é “unha creadora que transita entre a fotografía e a creación audiovisual. Iniciou a súa traxectoria como fotógrafa de concertos e espectáculos e colabora habitualmente coa prestixiosa axencia internacional Getty Images. Tras participar en distintas producións cinematográficas como foto fixa deu o salto á dirección de fotografía en traballos como Emoción, vida e teatro. A Nave das Marías, 22:22, Entelequias, Habelas Hainas, Mudanza, El vegetariano, Corre e Silencio”.

Saamira Ganay é unha directora, guionista e actriz galega. Leva anos desenvolvendo unha traxectoria como actriz en producións galegas e estatais como Olvido y León, Onde mais doe, Matalobos, Acacias 38, Vivir sin permiso ou El caso Asunta. No 2024 codirixiu xunto a Cris Andina o documental Emoción, vida e teatro. A Nave das Marías e “a súa inquietude artística levouna a orientar a súa carreira cara a creación de historias propias e crear a súa primeira curtametraxe de ficción, Corre, e a curta documental Silencio.

Ambas dirixen Silencio, o seu segundo traballo como directoras, xa que no 2024 dirixiron o documental Emoción, vida e teatro. A nave das Marías, co que acadaron unha nominación nos Premios Mestre Mateo. Con Silencio introdúcense novamente no documental, “consolidando unha mirada cinematográfica centrada nos relatos humanos e a emoción como motor narrativo. A compenetración entre ás dúas é tal que decidiron xuntar forzas creando a produtora Tetra Filmes para as súas propias creacións e para traballos publicitarios”.