A parroquia de Sargadelos (Cervo) celebrará as festas na honra a Santiago Apóstolo do 24 ao 26 de xullo

O Concello de Cervo anuncia que a parroquia de Sargadelos “volverá converterse nun punto de encontro para veciños e visitantes coa celebración das festas na honra a Santiago Apóstolo, que se desenvolverán do 24 ao 26 de xullo, cun amplo programa no que se mesturan tradición relixiosa, gastronomía, música e deporte”.

A programación arrancará o venres 24 de xullo, ás 20:00 horas, cunha espetada moura, seguida do Xunco Fest, dando comezo a unha fin de semana de celebracións.

O sábado 25 de xullo, día grande das festas, celebrarase ás 13:00 horas a misa solemne e procesión na honra a Santiago Apóstolo, acompañadas polo grupo Fol do Raxal. A continuación terá lugar a sesión vermú coa actuación de A Banda da Loba e a animación da Discomóbil Conxuro. Xa pola noite o protagonismo será para o concerto de Ruxe Ruxe, seguido da actuación de DJ Tomás, tamén coa animación da Discomóbil Conxuro. Ao mediodía serviranse, ademais, racións de churrasco ao prezo de 12 euros.

As celebracións concluirán o domingo 26 de xullo coa celebración do Trail Sargadelos, que dará comezo ás 10:00 horas. Posteriormente haberá sesión vermú con DJ Tomás e serviranse racións de paella por 10 euros.
As festas están organizadas polo Concello de Cervo e a asociación Amigos da Troula.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, anima á veciñanza e aos visitantes a participar nesta celebración: “as festas de Sargadelos son unha magnífica oportunidade para desfrutar das nosas tradicións, da música en directo e da gastronomía nun enclave patrimonial único. Convidamos a toda a veciñanza e a quen nos queira visitar a achegarse estes días para vivir un ambiente de convivencia e celebración que caracteriza ás nosas parroquias”.