Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk pregoarán a ribadense Xira de Santa Cruz, que será os días 1 e 2 de agosto

A xira de Santa Cruz, en Ribadeo, terá lugar os días 1 e 2 de agosto. Os pregoeiros da edición de 2026 serán Pablo Díaz e Olga Kirk. Esta festa de interese turístico de Galicia foi presentada a carón do monumento ao gaiteiro.

Organiza o evento a asociación Amigos da Gaita e a súa presidenta, Noelia Barrera, dixo que “para a xente de Ribadeo e a nosa asociación representa un gran punto de encontro do verán para honrar á música tradicional e á figura do gaiteiro”. E subliñou que “a xira de Santa Cruz nos últimos anos recuperou o seu espírito orixinal, un encontro de moitas familias, un ratiño de convivencia, de honrar á música tradicional e á nosa cultura”.

Noelia Barrera tamén detallou o programa: “o festexo comeza o sábado co pregón no Parque de San Francisco. Contamos como pregoeiros cunha parella de luxo que son Pablo Díaz e Olga Kirk. Son os referentes da música tradicional, da investigación e a salvagarda da nosa identidade cultural. Como compiladores de música de baile tradicional o seu camiño tamén os achegou ata A Mariña, por iso creemos que son uns pregoeiros de luxo. A continuación terá lugar a actuación das escolas e ao rematar para continuar a festa estará a Charanga Tres Pés amenizando as diferentes rúas de Ribadeo. Logo o día grande, que é o domingo, comezará con pasarrúas ás 11:30 da mañá a cargo dos cuartetos Illa Pancha, Fol do Raxal e Axeigo polas distintas zonas da vila. Ás 12 haberá unha mostra das escolas no Cantón dos Moreno. E unha vez rematadas as actuacións chega o momento de subir ao Monte de Santa Cruz, no que como todos os anos, as familias e os grupos de amigos se reúnen para xantar. No medio da tarde farase a ofrenda floral ao gaiteiro e poderase seguir a festa cos concertos de Tumba e Dalle, Axeigo e Alana. Este ano tamén contamos coa colaboración da Comisión de Festas de Ribadeo, que poñen unha barra e música para seguir a festa”. E engadiu: “desde a asociación de Amigos da Gaita animamos a todas as familias e grupos de amigos a subir á xira a pasar un dia estupendo rodeados de bo ambiente e apostando pola nosa cultura”.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, lembrou que esta romaría se ven celebrando desde o ano 1965, animou a participar nesta cita e agradeceu o apoio económico da Xunta de Galicia “para que poidamos celebrala como se merece. Mestúranse nela convivencia, comida, boa conversación e a mellor música galega á sombra do monumento ao gaiteiro, que representa a todas e todos os que loitamos por preservar a música tradicional. Agardamos que a veciñanza ribadense suba e goce desta festa. Vémonos en Santa Cruz”.

Na presentación da xira de Santa Cruz participaron representantes da asociación Amigos da Gaita acompañados polo alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Cultura e de Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz.