Esteiro, en Xuances (Xove), celebrará as festas de San Pedro Fiz esta fin de semana, sábado 8 e domingo 9 de agosto

As festas de San Pedro Fiz celebraranse esta fin de semana, sábado 8 e domingo 9 de agosto, nas inmediacións da praia de Esteiro, en Xuances  (Xove) cun “completo programa de actividades para tódolos públicos”, anuncia o Concello, que engade: “na presentación do cartaz estaban Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove; Cecilia Duarte e Mª Dolores Meitín, concelleiras de Turismo e de Cultura; acompañando a membros da Asociación de Veciños San Pedro de Xuances, que forman a comisión organizadora destas festas: Daniel Alonso, Eleodora López e José Meitín”.

O Concello de Xove anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas festas patronais na honra a San Pedro Fiz, que se celebrarán os días 8 e 9 de agosto no campo da festa situado nas inmediacións da praia de Esteiro, “un dos areais máis fermosos e concorridos do municipio, distinguido ademais coa Bandeira Azul pola calidade das súas augas”.

A programación dará comezo o sábado 8 de agosto ás 10:00 horas co tradicional lanzamento de bombas de palenque, anunciando que Esteiro está de festa. Ás 14:00 horas celebrarase a sesión vermú, amenizada polo Grupo Lecer. Xa pola tarde, ás 20:00 horas terá lugar a tradicional Festa da Empanada e do Bolo Preñado, unha cita gastronómica que estará acompañada pola música dos gaiteiros da Asociación Cultural Saíñas de Xove. A partir da noite a música será a gran protagonista cunha verbena amenizada polo grupo Lecer e a orquestra Sinfonía, “garantindo unha noite de festa e diversión para tódolos públicos”. Como broche á xornada, á medianoite celebrarase o tradicional Conxuro da Queimada, seguido dunha degustación gratuíta para tódalas persoas asistentes.

As celebracións continuarán o domingo 9 de agosto cunha misa solemne ás 13:00 horas na capela de San Pedro Fiz (Ceranzos), que contará coa participación do Coro de Valdeflores. A continuación terá lugar a tradicional procesión, acompañada musicalmente polos gaiteiros da A.C. Saíñas de Xove. A festa trasladarase de novo ao campo, fronte á praia de Esteiro, onde ás 14:30 horas dará comezo unha sesión vermú amenizada polo dúo Son de Festa, poñendo o punto e final a unha fin de semana “marcada pola música, a gastronomía, a tradición e a convivencia”.

Estas festas están organizadas pola Asociación de Veciños San Pedro de Xuances, cuxos integrantes “levan semanas traballando con ilusión e dedicación para que todo se desenvolva á perfección”. A entidade quere agradecer expresamente a colaboración da veciñanza, dos comerciantes e de todas aquelas persoas que contribúen ao bo desenvolvemento desta celebración na parroquia.

Pola súa banda, o Concello de Xove, como entidade colaboradora, quere recoñecer o “importante labor” que realiza a Asociación de Veciños San Pedro de Xuances na conservación e recuperación desta festa tradicional, “exemplo do compromiso co patrimonio cultural e co dinamismo do rural”.

O Concello convida á veciñanza e ás persoas que visiten a comarca durante esas datas a achegarse a Esteiro “para gozar dunhas xornadas de boa gastronomía, excelente ambiente e música, nun enclave paisaxístico privilexiado, onde a harmonía, a convivencia e a hospitalidade volven converter esta celebración nunha das citas festivas máis especiais do verán no municipio”.