Alfoz abre o prazo de inscrición para os programas de conciliación e as escolas deportivas do curso 2026/2027

O Concello de Alfoz abre este mércores, 12 de agosto, o prazo de inscrición para os programas de conciliación vinculados á apertura do CEIP, Madrugadores e OES (Ocio e Estudo), así como para as Escolas Deportivas Municipais de cara ao curso 2026/2027.

“O período inicial de inscrición estará aberto ata o 19 de agosto, co obxectivo de facilitar ás familias a organización do inicio do novo curso. Con todo, as inscricións permanecerán abertas durante todo o curso, permitindo novas incorporacións aos diferentes servizos e actividades”, explica o Concello de Alfoz, que engade: “no ámbito da conciliación o Concello volve ofrecer os programas Madrugadores e OES (Ocio e Estudo), destinados a facilitar a compatibilidade entre a vida familiar e laboral e a ampliar a atención ao alumnado fóra do horario lectivo”.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, destaca: “para nós é fundamental seguir facilitándolles ás familias recursos que lles permitan conciliar e, ao mesmo tempo, ofrecerlles aos nenos e nenas alternativas educativas, de ocio e deportivas ao longo de todo o curso”.

Pola súa banda, a oferta das Escolas Deportivas inclúe as modalidades de fútbol, patinaxe, atletismo e pádel, “dando continuidade á programación municipal destinada a fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables entre a poboación máis nova. No caso concreto da escola de fútbol, a actividade comezará o 1 de setembro, mentres que o resto das actividades desenvolveranse de acordo coa programación establecida para o novo curso”.

A alcaldesa subliña finalmente “a boa acollida que estes programas teñen cada ano” e lembra que “manter aberta a posibilidade de inscrición durante o curso permite dar flexibilidade ás familias e que poidan incorporarse aos servizos cando xurda a necesidade, sen limitar o acceso unicamente ao inicio do curso”.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición entre o 12 e o 19 de agosto ou posteriormente, ao longo de todo o curso, de acordo coa organización e dispoñibilidade dos diferentes servizos municipais.