
A Xira Viveiro- Portochao celebrarase o día 17 de agosto, luns.
Está organizada polo Colectivo Pensamento e Sementeira, que explica: “hai tradicións que merecen seguir vivas, mesmo cando as circunstancias non o poñen doado. Durante décadas a Xira foi unha das citas máis singulares do verán en Viveiro: unha festa popular que levaba a veciñanza a remontar o río ata Portochao. Nos últimos anos, adaptamos esa tradición coa subida en kaiak, tratando de recuperar unha celebración que formou parte da mocidade das nosas avoas e avós. Este ano, porén, tócanos navegar contra vento e marea. A marea coincide baixando e o estado actual da ría e do río, sen o mantemento e dragado necesarios, fan imposible remontalo con seguridade. Ademais a andaina ata Portochao que tiñamos prevista e comunicada ao Concello tampouco poderá celebrarse xa que nestas datas comezan as obras de reparación do paseo fluvial. Pero A Xira nunca foi só unha forma de chegar a Portochao. O importante sempre foi o encontro. Por iso este luns 17 de agosto convidámoste a seguir facendo historia canda nós”.
Tamén anuncia que haberá “xantar popular:“estira o mantel, trae a túa comida e comparte; música en directo: sesión vermú con Dobre Bordón e tarde amenizada polas Pandeireteiras da Sementeira; e xogos tradicionais para toda a familia. Porque hai tradicións que non se deixan levar pola marea. Hai tradicións que se manteñen vivas contra vento e marea. Agardámoste en Portochao”.


