
Este xoves, 20 de agosto, arrancou a Feira do Libro de Foz, que se celebrará ata o domingo 23 agosto na Praza Conde de Fontao.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que colabora coa organización deste evento e explica que nove librarías e editoriais “sacan os libros a rúa durante catro xornadas nas que se desenvolverá tamén unha ampla axenda de presentacións, sinaturas de actividades de animación á lectura”.
O deputado provincial Daniel García participou no acto inaugural, con pregón da escritora Abril Camino, Premio Xerais de Novela 2025 con Mulleres que viven xuntas, e actuación de Cuarteto Xijie. Na súa intervención, o responsable provincial reafirmou o apoio da Deputación á Federación de Librarías para organizar as feiras do libro da provincia e destacou “a importancia das librarías na vida cultural das vilas e cidades, poñendo como referencia a traxectoria da libraría Bahía de Foz”.
Daniel García convidou a achegarse a caseta do Servizo de Publicacións, que amosa na feira os últimos títulos publicados pola editora institucional, entre eles Mulleres de Salitre, de Paco Rivas, e Enxeñería hidráulica do s XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica da auga, de Xurxo Lorenzo, que estarán tamén aquí para presentar as publicacións.
As casetas abren de 17.30 a 22.00 horas.


