“A volta ó cole faise con Acisa Ribadeo” é a nova campaña do comercio local ribadense, que se desenvolverá do 28 de agosto ao 10 de setembro

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo arrinca o curso cunha nova campaña comercial para incentivar as vendas no comercio local durante a volta ó cole, que se desenvolverá do 28 de agosto ao 10 de setembro. Acisa sorteará 300 euros, repartidos en 3 premios de 100 euros cada un en vales de compra.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anunciou: “iniciamos un novo curso e con el chega a campaña da volta o cole. Desde Acisa Ribadeo pretendemos incentivar que as compras do inicio do curso académico se fagan no comercio local. Esta é unha época de grandes vendas: libros, material escolar, uniformes, calzado, roupa de outono-inverno.... toca retomar a vida normal e para elo temos que prepararnos cos mellores produtos. E a mellor forma de facelo é confiando nas nosas tendas, onde podemos atopar todo o que precisamos para volver ao cole e onde encontraremos un trato personalizado e as maiores garantías”.

O xerente da asociación, Jesús Pérez, indicou que “a campaña desenvolverase entre o 28 de agosto e o 10 de setembro. Aquelas persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acisa recibirán papeletas para participar no sorteo de tres premios que poñemos en xogo valorados en 100 euros en vales de compra cada un de eles”. E engadiu: “en total poñemos en circulación 10.000 as rifas nesta campaña da volta o cole de Acisa Ribadeo. O sorteo non presencial terá lugar o 11 de setembro nas nosas oficinas mediante un programa de xeración de números aleatorios, e posteriormente daranse a coñecer os gañadores nas redes sociais e nos medios de comunicación. As bases do sorteo poden consultarse na web e nas redes de Acisa”.

Cruzado Iglesias indicou que “esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia e Comercio Galego no marco das axudas aos CCA, colaboración que agradecemos unha vez máis”.