O Concello de Xove abre o prazo de matrícula para novo alumnado da Escola Municipal de Música

O Concello de Xove anuncia que este martes, día 1 de setembro, abre o prazo de solicitude de matrícula para o novo alumnado que queira formarse musicalmente na Escola Municipal de Música de Xove de cara ao curso 2026-2027. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 1 ao 30 de setembro achegándose ao Rexistro Municipal, onde poderán cubrir e entregar o correspondente impreso de inscrición. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o luns 5 de outubro publicarase a lista de alumnado admitido e admitida para o vindeiro curso 2026-2027.

Para este novo curso, ademais de manter as materias e actividades habituais da Escola Municipal de Música, o Concello de Xove anuncia que quere “reforzar especialmente a educación vocal, ampliando a oferta para que esta formación non estea dirixida unicamente ao alumnado infantil. Así, como novidade, a proposta estará tamén orientada ao alumnado adulto, coa finalidade de crear un espazo no que as persoas participantes poidan desenvolver as súas capacidades vocais e, sobre todo, formar parte dunha actividade coral en grupo. Deste xeito a Escola Municipal de Música de Xove quere abrir as súas portas a todas aquelas persoas da localidade que gosten de cantar e teñan inquedanza por desenvolver esta afección, ofrecéndolles a oportunidade de facelo de maneira colectiva e acompañada dende este mesmo curso 2026-2027”.

Desde o Concello de Xove destacan que “esta nova proposta pretende seguir facendo da Escola Municipal de Música un espazo aberto á participación da veciñanza, á formación e ao goce da música, creando novas oportunidades para achegarse á práctica musical independentemente da idade.

O Concello de Xove anima “a todas as persoas interesadas en iniciar ou continuar a súa formación musical a presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido e, moi especialmente, a aquelas persoas adultas afeccionadas ao canto que queiran descubrir a experiencia de formar parte dun grupo coral”.