Este xoves, 10 de setembro, celébrase en Viveiro un novo obradoiro contra a desinformación

Este xoves, día 10 de setembro, vai ter lugar en Viveiro a partir das 20:00 horas un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro. A poboación desta localidade mariñá poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas, anuncia o Colexio de Xornalistas de Galicia.

O obradoiro estará impartido pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e Acedis Formación, e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas. “Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación”, explica o Colexio de Xornalistas de Galicia.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requirirse inscrición previa. 

O Colexio de Xornalistas indica que “o contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade”.