As Xornadas Etnográficas da Mariña celebran a súa cuarta edición os días 26 e 27 de setembro en Ourol

O deputado provincial Daniel García participou na presentación das IV Xornadas Etnográficas da Mariña, que se celebran esta fin de semana, 26 e 27 de setembro, en Ourol e que contan co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As xornadas, organizadas pola Asociación Tecedeira co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación e, nesta edición, coa colaboración Concello de Ourol e da Asociación Aturuxeiros, “converterán Ourol en punto de encontro da cultural tradicional galega, cunha programación de dous días que inclúe concertos, foliada, mostras etnográficas, obradoiros e diferentes propostas participativas enfocadas na transmisión e divulgación do patrimonio cultural e etnográfico galego, e especialmente da comarca da Mariña”, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Daniel García valorou “a aposta de Tecedeira pola itinerancia das xornadas, que en edicións pasadas se celebraron en Ribadeo, Xove e Barreiros e que este ano chegan a Ourol, contribuíndo ao dinamismo cultural da Mariña interior e reforzando os vínculos entre o tecido asociativo ligado á musica a cultura tradicional na comarca”.

A programación comezará o sábado 26 no Edificio Multiusos de Ourol, coa benvida e apertura das xornadas ás 11:30 horas. Ás 12:00 horas Leticia Rei e Miguel Lesta, investigadores e mestres de música tradicional, impartirán o obradoiro Ollar o pasado cos ollos do presente, unha proposta para achegarse á tradición oral e musical desde unha perspectiva actual. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a artista e investigadora focega Ugía Pedreira ofrecerá o obradoiro Cantares de vida. A actividade trasladarase despois á carpa instalada na Praza do Concello, onde ás 19:00 horas dará comezo unha foliada coa participación de agrupacións chegadas de distintos puntos da Mariña: A Rebolaxe (Cervo), As Ferriñas (O Vicedo), Amado Lar (O Valadouro), Arume (Burela), Espera que vou mexar (Ourol-Viveiro), Pandeireteiras da Sementeira (Viveiro), Pandeireteiros do Inferno (Ribadeo) e Xaora (Xove). A xornada do sábado continuará ás 22:30 horas cos concertos de Balteira e Percal Pandeireteiras. Ao remate dos concertos, a música continuará cunha foliada aberta.

O domingo 27 a programación continuará na carpa da Praza do Concello. Ás 13:00 horas celebrarase a Verbena Galega d’Antes, un espectáculo participativo da escola Oxeito, acompañado da música de Airiños da Freba, que “recuperará o espírito dos bailes e das verbenas tradicionais”.

 

As xornadas despediranse ás 18:00 horas cunha Mostra Etnográfica e acto de clausura, coa participación das asociacións Amado Lar, do Valadouro, e A Volta do Agro, de Lugo, pechando así dous días “dedicados ao encontro interxeracional, á participación e á posta en valor da cultura popular. Durante a programación haberá tamén servizo de bar e comida na carpa, co que o público poderá colaborar directamente coa organización. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina 18.000 euros á organización das xornadas”.