A Confraría de Pescadores de Burela propón descubrir a historia e a vida do porto a través dunha nova experiencia de turismo mariñeiro o 5 de outubro

 

A Confraría de Pescadores de Burela propón descubrir a historia e a vida do porto a través dunha nova experiencia de turismo mariñeiro o día 5 de outubro, luns. Anúnciao o GALP A Mariña-Ortegal, que explica: “Diana Durán García guiará unha visita pola confraría para coñecer as embarcacións, a actividade pesqueira e os murais que representan a historia e as xentes de Burela. O GALP A Mariña-Ortegal incorpora ao proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo unha nova experiencia para coñecer de preto a realidade dun dos portos pesqueiros da Mariña lucense e a historia da súa confraría. A experiencia terá lugar o luns 5 de outubro, ás 12:00 horas, con punto de encontro no porto pesqueiro de Burela. A visita permitirá coñecer o funcionamento da Confraría de Pescadores San Juan Bautista, de Burela, os diferentes tipos de embarcacións e a actividade que se desenvolve no porto. A través do percorrido, os participantes poderán achegarse tamén á historia dunha confraría estreitamente vinculada á vida económica e social da localidade”.

O GALP A Mariña-Ortegal salienta que “un dos elementos destacados da experiencia serán os murais das fachadas da confraría, realizados con motivo da conmemoración do seu centenario en 2024. As obras ocupan todas as fachadas do edificio e representan diferentes aspectos da vida pasada e presente do porto e das súas xentes. Os murais, deseñados polos artistas Martín Lestao, Belén Mogo, Héctor Manasé e Diego Domínguez, recollen escenas e elementos relacionados co mundo do mar e coa identidade de Burela: desde persoas desempeñando oficios como o de redeira ou vendedora de peixe ata embarcacións, especies mariñas, a pesca do bonito, o torques de Burela ou a Virxe do Carme. Os murais incorporan tamén unha dimensión inclusiva, xa que no proceso de creación participaron diferentes colectivos sociais de Burela. Ademais, a fachada conta cunha versión tiflolóxica e unha explicación do proxecto en braille, permitindo achegar este patrimonio ás persoas con discapacidade visual”.

Tamén indica que “a experiencia permitirá así descubrir Burela a través do seu porto, da súa actividade pesqueira e da memoria das persoas que forman parte da súa historia. Un percorrido que fusiona patrimonio, oficios e vida mariñeira dunha vila intimamente vencellada ao mar. Esta actividade forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, proxecto de cooperación no que participan os oito GALPs de Galicia e que busca crear novas experiencias vinculadas ao patrimonio, aos profesionais e á cultura mariñeira dos diferentes territorios. A actividade é gratuíta. As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición no teléfono 618.320.033”.