
O Concello de Cervo anuncia as festas de Castelo, que se celebrarán os vindeiros 3 e 4 de outubro con motivo das festas na honra da Nosa Señora do Rosario. Na presentación da programación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro de Medio Rural, Adrián Arias; e membros da Asociación Cabaleiros do Xunco, que organiza a festa, coa colaboración tamén da Comunidade de Montes Medela e Rozada.
A alcaldesa destacou “a importancia de manter vivas estas celebracións, que forman parte da tradición e da identidade das parroquias do municipio”, e convidou á veciñanza de Cervo e das localidades próximas “a gozar dunha fin de semana de encontro, música, tradición e convivencia”. Ademais, puxo en valor o traballo desenvolvido pola asociación Cabaleiros do Xunco, para facer posible a celebración.
A programación dará comezo o sábado 3 de outubro, cunha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión e sesión vermú amenizada polo grupo Fénix. Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, terá lugar unha verbena, coas actuacións do grupo Fénix e Galilea, que serán os encargados de poñer música á noite festiva.
O domingo 4 de outubro os actos relixiosos volverán ocupar un lugar destacado, con misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo, procesión e sesión vermú, nesta ocasión amenizada polo dúo Belinda.
As celebracións contarán ademais con recinto con servizo de carpa, facilitando así que veciñanza e visitantes poidan compartir as xornadas festivas con independencia das condicións meteorolóxicas.
Desde o Concello de Cervo animan a participar nas Festas de Castelo e a “manter vivo o espírito das celebracións tradicionais, nunha fin de semana pensada para o reencontro, a diversión e a convivencia”.


