
Aproveitando que a vindeira fin de semana será un pouco máis longa, ao sumarse o festivo do luns, 12 de outubro, os Plans con Corazón ofrecen unha oportunidade para coñecer os municipios de Ourol, Foz e Barreiros, “lugares nos que o seu patrimonio cultural e natural é o gran protagonista”. Aínda quedan prazas libres para as actividades do sábado e o domingo, en Ourol e Foz, mentres que para o plan do luns en Barreiros xa están ocupadas todas as prazas.
Todas as persoas interesadas poder formalizar a inscrición a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e por orde de inscrición. Cada actividade terá un custo que varía entre os 5 euros (inscrición individual), os 9 euros (inscrición en parella) e os 15 euros (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de responsabilidade civil e accidentes.
Plans con Corazón “é unha exitosa iniciativa que este ano chega á súa sétima edición para dar a coñecer un pouco máis o xeodestino A Mariña Lucense. Conta cunha proposta de actividades variada e atractiva, liderada por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, tamén por perfís especializados en xeoloxía e ornitoloxía e por todos os anfitrións participantes. Estes expertos colaboran coa Mancomunidade e coa empresa Volta Montana para configurar esta iniciativa coa que amosar A Mariña como un destino singular e diverso, contribuír á desestacionalización do turismo -xa que busca achegar visitantes fóra dos meses de temporada alta- e ampliar o coñecemento do territorio a nivel local. Trátase dun proxecto para conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos e actividades que moitas veces non se coñecen. Esta é, sen dúbida, unha proposta máis próxima, máis auténtica e máis conectada coas persoas que viven e traballan no territorio”, explica a Mancomunidade da Mariña.
Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademais co selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.
A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino.


