A programación cultural outonal do Concello de Foz está centrada no teatro e no cine

O Concello de Foz preparou para este outono unha programación cultural que ocupa todas as fins de semana dos meses de outubro e novembro. Está centrada no teatro e no cine.

“A finalización do verán non foi un punto e a parte para a nosa programación, foi un punto e seguido. Cambiamos os espazos exteriores polos interiores e houbo unha moi boa aceptación do público do programa de teatro afeccionado, que se levou a cabo por Pico do Castro e Fegatea, e o novo ciclo Domingos de cine en Foz, que organiza o concello coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Academia Galega do Audiovisual”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que engade: “outubro comezou co mellor teatro galego, coa obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, e continuamos este venres 9 ás 20.30 horas na Sala Bahía con As Gardiás, de Teatro de Ningures; e para os máis pequenos o domingo 11 ás 12.00 horas, tamén no Bahía, representarase A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza;  e tamén o domingo ás 18.30 horas na Casa da Cultura proxectarase a película As liñas discontinuas.

Pódese consultar toda a programación na web do Concello e nas súas redes sociais. Entre as obras estará a nova produción de Memorias dun neno labrego, danza coa compañía lucense Colectivo Glovo ou A velada de Londres, unha obra en recordo de Manuel Lourenzo.

“É unha programación para todos os gustos e idades, pensada para que os veciños teñan actividades de ocio todas as semanas sen necesidade de acudir a unha gran cidade”, destaca a concelleira de Cultura.

E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, engade: “agardamos que todo o mundo poda atopar actividades do seu agrado no outono cultural de Foz. Con cultura de proximidade e tamén de fóra de Galicia, para todos”.