
O Concello de Cervo anima á veciñanza a participar no II Magosto Musical, “unha cita festiva que combina música tradicional, gastronomía e convivencia veciñal” e que terá lugar este sábado, 24 de outubro, a partir das 18:00 horas, no pavillón de San Román.
A cita está organizada pola asociación Fol do Raxal, coa colaboración do Concello de Cervo e da Comunidade de Montes Veciñais de San Román de Vilaestrofe.
A xornada contará coas actuacións de Caxoto Contacontos, Pandeireteiras da Sementeira, O Arco da Vella e Fol do Raxal. Ademais as persoas asistentes poderán gozar de comida, bebida e castañas de balde, anuncia o Concello de Cervo, que engade: ao rematar as actuacións a festa continuará cunha foliada libre, aberta á participación de todas as persoas que queiran sumarse e compartir a música e a tradición.
Desde o Concello de Cervo anímase a toda a veciñanza a achegarse a San Román e “gozar desta proposta, que contribúe a manter vivas as tradicións e a fortalecer a convivencia e a participación comunitaria”.


