
O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) anuncia: “seguimos apostando por dinamizar o comercio local con diferentes campañas e iniciativas pensadas para tódolos públicos. Dende actividades para os máis pequenos ata descontos nas compras e sorteos. Este venres 30 de outubro pola tarde celebramos o Samaín cós mais pequenos; entregamos 12.000 chupas para que os negocios asociados realicen o recoñecido Truco ou Trato. Os nenos poderán disfrazarse con traxes terroríficos e pedir os chupas polos 124 comercios adheridos á nosa asociación. A animación musical farase a través dos máis de 2 quilómetros de fío musical que temos instalados polas rúas”.
O CCHV tamén explica que ten en marcha o Bono Activa Comercio, “a iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para fomentar as compras no comercio local e apoiar os pequenos negocios”.
Ademais participa na campaña posta en marcha pola Deputación de Lugo e a Federación de Comercio de Lugo, que leva por título O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, no que se sortea un coche MG3 Hybrid+. “Participar é moi sinxelo, por compras de 10 euros ou máis nos comercios do CCHV, podes rexistrar o ticket de compra na web oficial da campaña (www.sorteocomercio.es/coche) e acadas unha participación para o sorteo. Hai ata o 30 de novembro para participar e o sorteo celebrarase o 3 de decembro”.
Tamén anuncia que “dentro das vantaxes para negocios asociados tivo lugar na oficina do CCHV a firma da renovación do convenio co Banco Sabadell. Con este convenio ponse a disposición dos negocios asociados un conxunto de produtos e servizos financeiros, personalizados e en condicións preferentes, adaptados ás economías profesionais e persoais, sendo extensibles estas vantaxes tamén ós empregados dos negocios. Deste xeito, O Centro Comercial Histórico de Viveiro, aumenta a súa oferta de servizos para que os seus socios, poidan acceder a unha ampla variedade de servizos financeiros moi competitivos e a un asesoramento financeiro personalizado en liñas subvencionadas, factoring, confirming, tpv, comercio electrónico, negocio internacional, etcétera”.
A sinatura do convenio realizouse por parte da asociación de comerciantes pola presidenta do colectivo, Cristina Rodriguez Suárez, e por Belén Nebril Maceiras, Directora Rexional de Galicia Norte do Banco Sabadell. Estiveron acompañados no acto de sinatura por Isabel Méndez, xerente do CCHV, e por Fernando Vieiro Barreiro, director de Sabadell Profesional Galicia, e Belén Cerezo Fernandez, directora de empresas da oficina de Viveiro.


