
A Fundación Expomar súmase este domingo, 22 de novembro, ás celebracións do Día Mundial da Pesca, que se conmemora internacionalmente cada 21 de novembro, cunha xornada especial realizada co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Burela.
O acto central da xornada será a preestrea do filme documental Fomos Ficando Sós, do cineasta burelao Adrián Canoura, que terá lugar na Casa da Cultura de Burela ás 12:00 horas e estará seguida dunha charla-coloquio na que participarán, ademais do director, o protagonista, Raúl Canoura, pai do director e mariñeiro, e o produtor da película, Brais Romero, de Zeitun Films, moderados polo xornalista Anxo Rodríguez.
O peche da xornada cultural estará presidido pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.
A programación completarase a continuación cunha degustación gastronómica de produtos do mar na praza de abastos, con diferentes receitas de pescada do pincho, bonito do norte e polbo. Durante esta degustación terá lugar unha actuación musical a cargo de Dani de Castro.
Con esta iniciativa, a Fundación Expomar quere sumarse á conmemoración desta efeméride internacional, “reafirmando o seu compromiso coa promoción, a divulgación e a posta en valor do sector pesqueiro, así como coa preservación e transmisión da cultura mariñeira ás novas xeracións”.
Por outra banda, a Fundación Expomar xa está ultimando o programa de actividades para o próximo Día do Orgullo Mariñeiro, do que celebrará a súa cuarta edición o vindeiro 17 de decembro, de novo combinando a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos. "O cuarto Día do Orgullo Mariñeiro volverá constar de tres partes ben diferenciadas: os comedores de centros de ensino e servizos sociais da Mariña, a Casa da Cultura e a Praza da Mariña de Burela, involucrando un ano máis a centros educativos e entidades de acción social e de atención ás persoas”, asegura o xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’’.
E un mes máis tarde, aproveitando o marco da feira internacional de turismo Fitur en Madrid, a Casa de Galicia acollerá a presentación oficial da 21ª Feira monográfica Expomar, que se celebrará do 19 ao 22 de maio de 2027 na nave de redes do porto de Burela.


