A Casa da Cultura de Burela expón obras do pintor Juan Miguel de Prada ata o 11 de decembro

A Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela acolle a exposición titulada Unha cita coa arte: Juan Miguel de Prada, unha mostra organizada e comisariada por Manuel Álvarez Prieto que reúne unha selección de 16 obras do pintor Juan Miguel de Prada Tabanera. Poderá visitarse ata o día 11 de decembro.

A inauguración contou coa asistencia de numeroso público, así como coa presenza de Lina Gómez, concelleira de Cultura do Concello de Burela, e Anxo Rubiños, director da Casa da Cultura, que acompañaron a Manuel Álvarez Prieto neste novo proxecto cultural.

A organización explica que esta exposición “constitúe un novo capítulo na longa relación de amizade e colaboración artística entre o organizador e o pintor, con quen Manuel Álvarez Prieto compartiu ao longo dos anos numerosos proxectos e iniciativas de difusión cultural. A súa experiencia como xornalista, escritor, crítico de arte e promotor cultural permitiulle establecer estreitos vínculos con artistas de diferentes procedencias e participar activamente na promoción das artes plásticas”.

Juan Miguel de Prada, nado en Segovia en 1950 e afincado en Lugo desde 1971, “conta cunha extensa traxectoria artística que se desenvolveu paralelamente á súa vinculación co mundo do baloncesto, no que formou parte do Breogán como xogador e posteriormente como adestrador. A súa obra, na que destacan as acuarelas e as técnicas mixtas, abrangue diferentes temáticas e materiais, froito dunha evolución creativa que o converte nun artista multidisciplinar. Con esta exposición, Burela ofrece ao público a oportunidade de achegarse a unha selección representativa do traballo dun creador cunha longa experiencia e unha particular sensibilidade artística”.

Manuel Álvarez Prieto quixo agradecer especialmente “a colaboración e as facilidades ofrecidas polo Concello de Burela para facer realidade esta iniciativa, así como o apoio de Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo; Lina Gómez, concelleira de Cultura; Anxo Rubiños, director da Casa da Cultura; e María Xosé Barreira Goás, traballadora social”. Tamén expresou o seu agradecemento “a todas as persoas que participaron no acto inaugural e que quixeron acompañalos nesta cita coa arte”.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o venres 11 de decembro na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela. O horario de visitas é de luns a venres de 10:00 a 12:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.