A UNED de Foz despide o ano cunha programación especial de actividades arredor do Nadal

A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta para o mes de decembro unha programación especial que “combina propostas creativas e actividades infantís, pensadas para achegar a formación e o lecer educativo á cidadanía tamén durante as datas do Nadal”.

A programación comezará o mércores 16 de decembro co obradoiro Naturalmente, o Nadal é maxia!, “unha proposta de manualidades aberta a todas as idades na que as persoas participantes poderán elaborar adornos de Nadal a partir de elementos naturais e materiais cotiáns que teñen habitualmente na casa”. Desenvolverase de xeito presencial nas instalacións da Aula entre as 17.00 e as 19.00 horas.

A segunda proposta terá lugar o luns 28 de decembro e estará especialmente dirixida ao público infantil. Trátase de dous obradoiros de elaboración de galletas de Nadal, Christmas Cookies Workshop, que se desenvolverán integramente en inglés e estarán impartidos por Leticia Veiga. O primeiro estará destinado a nenos e nenas de 5 a 8 anos, de 10.00 a 12.00 horas, mentres que o segundo se dirixirá a participantes de 9 a 12 anos, de 12.00 a 14.00 horas.

Esta iniciativa “dá continuidade á liña de actividades en inglés para crianzas que a Aula vén desenvolvendo nos últimos cursos, apostando por unha aprendizaxe práctica e dinámica da lingua estranxeira a través de experiencias próximas e motivadoras”.

A coordinadora da Aula Universitaria, Marta Muiña Rodríguez, destaca “a importancia de manter unha programación diversa e aberta a diferentes públicos: queremos que a Aula sexa un espazo próximo á cidadanía, con propostas para todas as idades e actividades que permitan aos máis pequenos aprender inglés dun xeito natural e divertido”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Elena Martínez, pon en valor a colaboración entre o Concello e a UNED: “estas iniciativas permiten achegar novas experiencias educativas á veciñanza e ofrecer tamén ás familias e á infancia espazos para aprender e compartir”.

Con esta programación especial, a UNED de Foz pecha o ano “mantendo o seu compromiso coa formación permanente, a divulgación e a participación cidadá, consolidándose como un espazo aberto á aprendizaxe e ao encontro da comunidade”.

Para obter máis información sobre as actividades ou formalizar as inscricións as persoas interesadas poden dirixirse á Aula Universitaria de Foz a través da páxina web da UNED, presencialmente nas súas instalacións, nos teléfonos 982.133.699 e 604.034.549 ou no enderezo electrónico foz@lugo.uned.es.